miércoles, 19 de octubre de 2011

Galicia. O campo. A titularidade compartida

A primeiros de mes entraba en vigor a Lei de Titularidade Compartida, que outorga ás parellas que rexentan unha explotación agrícola os mesmos dereitos en canto á súa xestión. Digo dereitos, porque os deberes adoitan estar equiparados nestes casos; todos coñecemos familias enteiras que viven do agro e dedican case todo o día e parte da noite aos seus labores, porén, a potestade para tomar decisións e recibir beneficios cae normalmente sobre unha única persoa.
Poñendo cifras, en España, o 71% dos titulares destas empresas son homes e o 82% das mulleres que traballan no campo fano en calidade de "axudantes". En Galicia, en números redondos, son unhas 35 mil as que están nesta situación.
O Consello de Ministros aprobaba a finais de maio o proxecto desta nova lei, e no mes de xullo era o Congreso o que ratificaba a proposta. En Vtelevisión decidiuse daquela gravar unha breve reportaxe sobre o tema, así que o Senén e máis eu achegámonos a unha granxa bovina de Trazo para coñecer o caso dun matrimonio que optou hai xa catro anos por este tipo de propiedade.
A protagonista chámase aquí Feli Mato, unha muller que deixou o seu traballo na cidade para atender xunto co home a granxa herdada dos pais deste. Iso foi hai 17 anos, e desde entón, os dous sacan adiante o negocio. Pero a administración só a levaba el: vendas de produto, facturas, dereitos para recibir axudas, capacidade de representación... "Se pagamos o seguro os dous, é lóxico que os beneficios sexan dos dous", plantexouse un día Feli, e decidiron entón rexistrarse como cotitulares.
A nova lei ofrece tres opcións: a constitución dunha sociedade limitada, a creación dunha unidade económica inscrita no Rexistro de Titularidade Compartida, ou o recoñecemento de dereitos económicos como gratificación pola actividade. Feli optou no seu momento por inscribirse como cotitular, pero antes da aprobación da norma actual, non vía recoñecida a súa participación e, a efectos legais, o único propietario seguía a ser el.
Coa nova lei, as subvencións repartiranse ao 50% e os cotitulares poderán facer a declaración da renda de xeito individual. Asemade, como sinalou Isabel Vilalba, responsable da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, "cando (a explotación) recibe unha retribución económica, como a factura que fai unha leitería, irá a nome tamén dese titular". Outros dereitos como a plantación de vides ou a concesión de cota láctea "tamén lle serán recoñecidos".
Ao non verse compensada na súa calidade de propietaria, Feli plantexouse no seu momento crear unha sociedade limitada. Tal vez agora xa non sexa necesario.

P.S: Unhas 400 mil mulleres en toda España traballan nas explotacións familiares como cónxuxes ou fillas. Unhas 35 mil en Galicia. O Ministerio calcula que unhas cen mil se poderán beneficiar coa nova lei. O tema, que deu para debatir, coma sempre, na viaxe de volta, queda aquí resumido nunha breve reportaxe que tal vez lles interese.


No hay comentarios: