miércoles, 26 de octubre de 2011

Rematou a sequía?

Parece que si, que coas choivas destes días, que chegaron en forma de temporal con alertas (Meteogalicia non descansa e o meu compañeiro Xavier Fonseca debe de estar traballando arreo para dar explicación a tanto fenómeno), o medo que había pola carencia de auga comeza a amainar (agora que as que non amainan son as precipitacións).
Certamente, este ano foi atípico, non polo mal tempo do verán, que xa explicou Pemán que era o normal nesta terriña nosa, senón pola seca que chegou a deixar algúns embalses practicamente secos (o de Bahíña, en Baiona, chegou a estar por baixo do 14%) e moitas zonas como a propia Baiona, Vigo, Ames ou Ourense con graves problemas de abastecemento. O agro, máis unha vez, foi un dos grandes damnificados dunha seca que obrigou a moitos traballadores do sector a tirar doutros recursos para superaren as consecuencias das veleidades meteorolóxicas.
A mediados de setembro, nun momento no que seguiamos agardando unhas choivas que aínda tardarían un mes en chegar, decidimos facer balance da situación e plantexámonos dúas preguntas: por que sufrimos a sequía e como podemos paliala. Na procura de respostas, Mila concertou unha cita co director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, e Senén e máis eu achegámonos a entrevistalo para saber un pouco máis sobre esta realidade. En resumo, velaí as conclusións:
Galicia ten un subsolo granítico que mal absorbe a auga recibida: só do 10 ao 30% da auga da chuvia está no subterráneo. Dela aprovisiónanse pequenos núcleos urbanos, moitas vivendas unifamiliares e bastantes empresas industriais. É difícil cuantificar a cantidade de auga acumulada na terra, pero é que ademais de non ser moita, a canalización é deficiente, polo que en moitos concellos, as redes de abastecemento sofren fugas de auga que nunca vai ser aproveitada. A este respecto, preguntámoslle a Francisco Menéndez sobre o novo Plan Hidrolóxico, que procura "o control de fugas e perdas de auga en redes de abastecemento", a través dun "sistema de detección que van aplicando os concellos que teñen medios". O novo regulamento, que non entrou aínda en vigor, propón tamén mellorar a calidade do recurso de xeito que isto repercuta no seu aproveitamento. Como contempla tamén o Plan Auga, aprobado no 2010, e como salienta Menéndez, é necesario establecer criterios sanitarios, como a prevención e redución da contaminación para que "sexan mellores os usos que os humanos lle dan á auga".
A poboación dispersa de Galicia e a actividade agraria son factores que influén tamén no maior consumo. Ademais, espérase que de aquí a 15 anos haxa un 20% máis de poboación, así que a racionalidade perante próximos períodos de seca faise se cabe máis apremiante.
O trasvase de auga entre ríos, como o do Verdugo ao Oitavén, para garante do suministro na comarca de Vigo, é outro dos recursos dos que se bota man nestes tempos, pero hai que considerar que o 98% da auga destas correntes emprégase para xerar enerxía, co cal, non é estraño pensar que tal vez fagan falta outras medidas máis eficientes.
No entanto, o canon da auga continúa a xerar controversia, mais quizais nos axude a ser conscientes da necesidade de aforrar.

P.S: No enlace, a reportaxe televisada.

miércoles, 19 de octubre de 2011

Galicia. O campo. A titularidade compartida

A primeiros de mes entraba en vigor a Lei de Titularidade Compartida, que outorga ás parellas que rexentan unha explotación agrícola os mesmos dereitos en canto á súa xestión. Digo dereitos, porque os deberes adoitan estar equiparados nestes casos; todos coñecemos familias enteiras que viven do agro e dedican case todo o día e parte da noite aos seus labores, porén, a potestade para tomar decisións e recibir beneficios cae normalmente sobre unha única persoa.
Poñendo cifras, en España, o 71% dos titulares destas empresas son homes e o 82% das mulleres que traballan no campo fano en calidade de "axudantes". En Galicia, en números redondos, son unhas 35 mil as que están nesta situación.
O Consello de Ministros aprobaba a finais de maio o proxecto desta nova lei, e no mes de xullo era o Congreso o que ratificaba a proposta. En Vtelevisión decidiuse daquela gravar unha breve reportaxe sobre o tema, así que o Senén e máis eu achegámonos a unha granxa bovina de Trazo para coñecer o caso dun matrimonio que optou hai xa catro anos por este tipo de propiedade.
A protagonista chámase aquí Feli Mato, unha muller que deixou o seu traballo na cidade para atender xunto co home a granxa herdada dos pais deste. Iso foi hai 17 anos, e desde entón, os dous sacan adiante o negocio. Pero a administración só a levaba el: vendas de produto, facturas, dereitos para recibir axudas, capacidade de representación... "Se pagamos o seguro os dous, é lóxico que os beneficios sexan dos dous", plantexouse un día Feli, e decidiron entón rexistrarse como cotitulares.
A nova lei ofrece tres opcións: a constitución dunha sociedade limitada, a creación dunha unidade económica inscrita no Rexistro de Titularidade Compartida, ou o recoñecemento de dereitos económicos como gratificación pola actividade. Feli optou no seu momento por inscribirse como cotitular, pero antes da aprobación da norma actual, non vía recoñecida a súa participación e, a efectos legais, o único propietario seguía a ser el.
Coa nova lei, as subvencións repartiranse ao 50% e os cotitulares poderán facer a declaración da renda de xeito individual. Asemade, como sinalou Isabel Vilalba, responsable da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, "cando (a explotación) recibe unha retribución económica, como a factura que fai unha leitería, irá a nome tamén dese titular". Outros dereitos como a plantación de vides ou a concesión de cota láctea "tamén lle serán recoñecidos".
Ao non verse compensada na súa calidade de propietaria, Feli plantexouse no seu momento crear unha sociedade limitada. Tal vez agora xa non sexa necesario.

P.S: Unhas 400 mil mulleres en toda España traballan nas explotacións familiares como cónxuxes ou fillas. Unhas 35 mil en Galicia. O Ministerio calcula que unhas cen mil se poderán beneficiar coa nova lei. O tema, que deu para debatir, coma sempre, na viaxe de volta, queda aquí resumido nunha breve reportaxe que tal vez lles interese.