lunes, 7 de noviembre de 2011

Non somos inocentes

O sábado, mentres agardaba o autobús para ir a Ourense sentada na cafetería da estación da Coruña, pedín un café e un xornal para facer amena a espera. Collín La Voz de Galicia, por costume e porque poñer cara aos nomes que asinan fai máis entretida a información. Así que comecei pola contra, onde estaba a columna de Paco Sánchez, que non é información nin artigo, senón relato de vida. Baixo o título de Culparás al otro, Paco falaba da facilidade con que a día de hoxe se eluden responsabilidades e se tentan atribuir desventuras propias a circunstancias ou persoas alleas. Curiosamente, as victorias sempre son dun, iso si. Efectivamente, todos oímos ou dixemos algunha vez iso de "la profe me tiene manía", "yo no fui", "es que fulanito me dijo que...". Todos fomos nenos algunha vez, pero tamén medramos e aprendimos a elixir, a atinar, a errar e a rectificar, e a asumir as consecuencias das nosas decisións e dos nosos actos, ou deberíamos; aínda que para iso, foi necesario unha educación, un educador, un pai, un mentor que nos sinalase o camiño e nos ensinase a andar sós, como os rodíns axudan ao meniño a montar en bicicleta.
Parece que ese concepto de educación global para a vida desaparece agora en prol dun deixar facer tedioso que exime, curiosamente, de asumir as consecuencias do que se fai.
Continuei lendo cara atrás e na sección de sociedade, nunha marxe, adobiado coa foto pertinente, informábase de que a DGT multara á distribuidora do filme Larry Crowne porque o seu cartaz, no que se ve a Tom Hanks e a Julia Roberts moi sorrintes sobre unha motocicleta, "incita a ir en moto sen casco". Vaia, á marxe do afán recadatorio da multiña de turno, cabe pensar na mojigatería do país no que vivimos, con esa censura recén inventada do politicamente correcto. Supoño que se ao ministerio x se lle ocorrese prohibir as escenas de sexo en series para adolescentes, non faltarían asociacións de pseudoindignados clamando pola liberdade de expresión e en contra da censura tardofranquista, que el sexo es sano y lo que importa es hacerlo con precaución, y si no, pues a abortar y listo. Pero resulta que Tom Hanks e Julia Roberts van en moto sen casco e como a xente é parva e os mortos de cada semana en accidentes non abondan para poñer sentidiño sobre as nosas cabezas, a falta de casco boas son as sancións da santa DGT para velar pola nosa seguridade.
Pasaban os minutos, e mentres o café arrefriaba lembreime dunha das primeiras reportaxes que fixen este ano a propósito da lei antitabaco. Claro, unha reportaxe televisiva precisa de imaxes, pero resulta que agora non podiamos sacar a xente fumando porque a lei dicía que só se podía ver tabaco nos programas de ficción. Así que nada, a gravar xente dentro dos bares, onde ninguén fumaba xa, e os que estaban fóra botando o pitillo, pois a sacalos de costas, insinuando o que facían pero sen deixar ver... para non incitar ao espectador. Vaia.
En conclusión, que se un se mata por ir mangado, coas rodas gastadas e sen casco na moto, a culpa é da película de Tom Hanks; se acabas con bronquite crónica ou cousas peores despois de trinta anos fumando, a culpa é de José Luis Garci, Santiago Carrillo e de todos os pobres fumadores que saíron nos telexornais españois sen comelo nin bebelo ata que entrou en vigor a bendita lei. E se un home morre despois de caer ao chan ao recibir unha bofetada, pois a culpa é del por meterse onde non o chaman e nada ten que ver o energúmeno que reacciona de xeito desproporcionado e violento perante o que non era unha agresión; liberdade con cargos para este e a outra cousa.
A corrupción política, tan impune tantas veces, é a mostra máis flagrante desta irresponsabilidade colectiva que nos abre as portas ao caos e á falta de civismo, coma se non nos percatásemos de que ser responsables nos fai máis xustos e máis libres.

P.S: Tal vez iso é o que pretenden os pais que xustifican todo o que fan os seus fillos e os politiquiños que pretenden eximir de responsabilidade/culpa ao cidadán (a algún cidadán): facérense omnipotentes mentres debilitan e infantilizan ao outro. A condescendencia como alimento da pusilanimidade.