jueves, 19 de mayo de 2011

Galicia. O monte

Ao longo desta primavera, que xa está na recta final, en Galicia plantaranse trinta millóns de eucaliptos, que se veñen sumar aos catrocentos existentes. Segundo o balance do 2010 para o sector madeireiro, a superficie arbolada do noso país estímase nun millón de hectáreas, das cales, catrocentas mil estarían ocupadas por esta especie. Botando contas calcúlase entón que as plantacións de eucalipto abranguen o corenta por cento do bosque galego.

A reportaxe de Xavier Lombardero sobre este asunto, publicada en La Voz de Galicia o pasado mes de marzo, sintetiza moi ben o porqué da nova auxe desta especie (auxe que, por outra parte, é perpetua), así que tirando das fontes precedentes, Senén e máis eu achegámonos desta vez a Foz, nun recorrido que resultou ser unha síntese visual da Galicia do norte.

Enrique Candia é o xerente de Viveros Mañente, empresa líder na produción e venda do eucalipto. El explicounos moi ben a situación facendo gala dun realismo galaico sen concesións: "El que planta es el pequeño propietario, que tiene un terreno inutilizado y quiere sacarle provecho, pensando que dentro de un tiempo su hijo irá a la universidad o su hija se casará". Nada de submisión aos intereses empresariais nin de expoliación do terreo por parte de compañías foráneas. Vexamos:

Nos últimos dous anos houbo unha corta destas árbores moi superior á habitual, debido, fundamentalmente, a dous factores: a crise económica, que levou aos pequenos produtores a tirar deste recurso como forma de economía alternativa, e o crecemento da demanda no mercado internacional da pasta de papel, que incrementou tamén os seus prezos. Ademais, a devaluación da madeira do piñeiro, como consecuencia da plaga e da recesión no sector da construción, inclinou fortemente a balanza a favor do eucalipto.

Neste punto, habida conta dunha realidade que se impón, coubo preguntarlle a Enrique Candia sobre os efectos nocivos dunha árbore invasora que, paradoxalmente, é denostada por unha parte amplísima da poboación. Os detractores do eucalipto sempre alegaron o seu efecto desertificador; sen embargo, se se plantan no monte, en chans de pouca profundidade, non consomen máis auga da que un piñeiro, e pouca máis ca un carballo. “Otra cosa –di Candia- es plantarlos en praderas, en tierras de cultivo que ya no se utilizan. Yo no lo haría”. Pero hai quen o fai; por exemplo, pequenos gandeiros xa retirados, e mentres a lei non o impida, a moral é subxectiva de cadaquén. Precisamente, como nas pradeiras os eucaliptais si reducen notablemente o caudal de auga, cabe pensar na facultade de propagación de incendios que se di que teñen estas árbores. Neste punto, o noso anfitrión nas terras do norte, fainos unha pregunta que podería ser retórica: “¿Cuál es la provincia gallega con más incendios?” E a realidade fala: Ourense. A única provincia totalmente interior (lembremos que o eucalipto é árbore fundamentalmente costeira) e onde aínda hai que buscar ben para encontrar un só destes exemplares (agás nas comarcas lindantes coas demais provincias e nalgunha zona en concreto, Ourense é profusa en piñeiros e flora autóctona, pero para nada en eucaliptos). Ademais, a meirande parte dos lumes, se non son intencionados, tampouco son plenamente fortuitos; as queimas descontroladas en terreos abandoados adoitan ser a orixe destes desastres naturais. Velaí outro factor que nos sinalaba Enrique Candia: “El que planta eucalipto o cualquier otra especie se ve obligado a cuidar la finca y tenerla limpia”, por iso, á marxe dos incendios voluntarios, as queimas das que antes falabamos non afectan tanto como se pensa a estas áreas.

E que hai do empobrecemento paisaxístico e do propio solo galego? O da paisaxe xa implica unha valoración persoal que dependerá das preferencias de cada un, pero o do solo é unha realidade a ter en conta, especialmente porque un cultivo intensivo consolida tamén a presenza de plagas que, no caso do eucalipto, están afectando a amplas zonas de Galicia.

Pero se o eucalipto ten os seus contras, que dúbida cabe que tamén ten os seus pros, e estes son fundamentalmente de índole económica. O tempo de maduración dun eucalipto desde que se planta ata que está listo para a súa corta estímase entre os dez e os quince anos, mentres que o piñeiro, outra das árbores máis solicitadas no mercado, pode tardar entre vintecinco e corenta. Como consecuencia do seu rápido crecemento está a súa alta demanda e, xa que logo, os seus prezos. Nestes momentos, en Galicia, a madeira desta especie véndese a trinta euros a tonelada.

O oitenta por cento da madeira de eucalipto destínase á produción de papel. En Galicia, na fábrica de celulosa de Ence en Pontevedra, temos a proba palmaria do destino que corren a maioría destas árbores unha vez abandoan os nosos montes. Poucos son os que din gustar delas, especialmente os partidos de esquerda e os grupos ecoloxistas, que tradicionalmente deron conta das súas nefastas consecuencias, atribuíndo, como non, a súa proliferación a un sistema corrupto rexido polo capital. Pero se deixamos de pensar nos termos abstractos de “sociedade”, “sistema” e “capital”, veremos que non foron as grandes compañías as que plantaron masivamente os eucaliptos, senón os pequenos propietarios, os individuos, os paisanos galegos que pensaron no seu propio beneficio e interese. Que isto puido vir fomentado nun momento dado con cuantiosas subvencións chegadas desde arriba? Tal vez. Pero logo non somos libres para dicir que non?

P.S: O que saíu daquela nosa viaxe pola Galicia do norte.

martes, 3 de mayo de 2011

Galicia. O campo

O pasado 1 de abril, o Goberno aprobou a Real Decreto que obriga a firmar contratos entre os produtores de leite e a industria. Trátase dun pacto entre sectores que establece o prezo do leite que as empresas distribuidoras han de pagar aos produtores en función do coste que a materia teña no mercado internacional. Tamén se estipula no escrito o volume de produto e o calendario de recollida. Non entrará en vigor ata que se publique o novo regulamento comunitario ao respecto, pero as bases xa están sentadas.
O anuncio da obrigatoriedade destes contratos fíxoo a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Rosa Aguilar, no mes de xaneiro. Galicia, como primeira potencia láctea de España, está a sufrir especialmente a crise no sector, así que tan pronto se coñeceu a nova, coubo plantexarse ir ao meollo da cuestión: falar cos gandeiros.
Senén e máis eu achegámonos daquela á granxa de José Manuel Sánchez Areoso, un gandeiro de Trazo que leva unha explotación familiar de 150 cabezas de vacún. No seu día, Pepe rexeitou firmar o contrato que a distribuidora lle ofrecía porque non vía nel unha garantía de que a súa situación fose mellorar. Agora debe firmar "por decreto" un documento que non garante un prezo mínimo para o seu produto. "As industrias seguirán traendo leite de fóra ao prezo que queiran -asegura-, e nós teremos que venderlles o noso porque temos que seguir sacando leite de aquí". Efectivamente, sendo a primeira potencia láctea de España, Galicia é ademais importadora, non só de leite cru, senón tamén de produtos derivados. Por que? A entrada na Unión Europea supuxo para moitos gandeiros galegos o cobro de subvencións que lles permitiron innovar, ampliar as súas explotacións (pechar moitas outras) e adaptar un estrutura económica tradicional ás necesidades da Europa finisecular. Pero trouxo tamén os seus contras: un sistema de cotas que establece para todo o Estado unha produción de 6200 millóns de litros de leite anuais, 3000 menos dos consumidos. Países excedentarios, como Francia, que producen por riba do que consomen, exportan a súa materia a prezos máis baixos e tiran cos de aquí. Se ben isto non é unha novidade, parece a situación se precarizou nos últimos anos, chegando a venderse o litro a menos de trinta céntimos, cando os costes de produción están nuns corenta.
Un par de meses despois, a mediados de marzo, Senén e máis eu tivemos a ocasión de falar con Xaquín López Ares, gandeiro de Mesía e propietario da granxa de vacas máis grande de Galicia (1000 exemplares). Outra volta preguntamos sobre o tema e López Ares amosouse preocupado pola finalización do sistema de cotas, prevista para o 2015. Teme que ao non haber máximos establecidos, as grandes potencias anulen os países con menor produción.
Neste punto cabe salientar outro aspecto no que Galicia sae perxudicada: a subvención á produción que reciben outros países en función da extensión de terreo que teñan as explotacións. Neste senso, apuntaba José Manuel que "hai países en Europa que teñen unha vaca por catro hectáreas. Nós aquí temos catro vacas nunha hectárea". É dicir, que mentres que as reses desoutros países teñen máis pasto do que comer, no que, ademais, se pode cultivar cereal, as vacas galegas precisan de maior cantidade de penso (ao non ter tanto espazo para pacer), e moitas veces ese penso ten que ser importado (ao non haber tanto espazo para o propio cultivo). Se ademais engadimos que as subvencións á produción veñen en parte determinadas polo número de hectáreas que ten unha explotación, botemos contas de que o noso país, tamén aquí sae perdendo.
Como último apunte, dicir que os prezos dos cereais continúan a subir, así que familias de gandeiros como a de José Manuel vense obrigados a destinar máis da metade do que ingresan pola venta do leite ao alimento dos animais.

A crise no sector lácteo galego non é só económica, senón, e o que é máis grave, social. A falta de relevo xeracional e a ausencia de coordenación entre as diferentes partes (por que nunca se creou un grupo lácteo galego? En mente, por certo, do ex conselleiro Suárez Canal) son tal vez a principal eiva dunha actividade que foi, sobre todo, unha forma de vida.

P.S: Senén é o cámara que fai visibles estas reportaxes (eu fágoas audibles e pode que lexibles, pero xa se sabe que unha imaxe...).