As medidas anticrise de Zapatero non deron os seus froitos e sete meses despois da súa aprobación, o paro segue en imparable ascenso. O que o Estado recauda en impostos e préstamos bancarios, gástao subvencionando planes de fomento de emprego, principalmente en obras públicas e na industria automobilística, que perdurarán ata que a débeda se faga insostible.
Mentres, e para equilibrar a balanza, o Executivo xa optou por subir o IVE, que afecta igualmente a todas as rendas, e eliminar a deducción dos 400 euros do IRPF de asalariados, pensionistas, parados e autónomos. Por outra parte, reduciu notablemente os investimentos en I+D+i, un dos sectores que máis riqueza podería xerar a medio prazo.
Mais a esmola non ha durar para sempre, e a necesidade de crear emprego produtivo faise acuciante. Así, o Goberno anunciou a semana pasada a posibilidade de implantar o modelo alemán de fomento de emprego; pola contra, Zapatero non parece seguir o modelo de Merkel en canto á reducción tributaria que a chanceler xermana porá en práctica co obxectivo de incentivar o consumo. Máis unha vez, moito intervencionismo e pouco flexibilidade.
O parlamentario catalán, Antoni Durán i Lleida, advertiu da necesidade de baixar o Imposto sobre Sociedades ao vinte por cento para as pemes (que suponen máis do 90% do tecido empresarial no noso país) e ao quince por cento para as microempresas, pois o recorte de cinco puntos proposto en maio polo Goberno resulta menos rendible que o despido de empregados. Se a isto se unen as desvantaxes dos autónomos, que acaban de ver aprobada a lei que lles dá dereito a paro (durante seis meses, traballasen o tempo que traballasen), ademais da dificultade na obtención de crédito, parece claro que poucos se van aventurar na creación dunha empresa.
E que é un país falto de emprendedores? Un país condenado ao subsidio e á emigración.
* * * *
Dos 46 millóns de habitantes que ten España, tres e medio son funcionarios. Case tantos como parados hai no sector privado. A prestación por desemprego págana os contribuíntes; as nóminas dos traballadores, tamén. Sen contar os privilegios sociais derivados da súa condición: posto de traballo e soldo asegurado á marxe da súa eficiencia, universidade gratuita para fillos de funcionarios do ensino ou seguro sanitario privado pagado polo Estado, por exemplo.
Din que en tempos de crise hai que reducir gastos. Poderíamos comezar polo plus de altos cargos.