viernes, 14 de enero de 2011

O Nadal con Nada (II)

Marisa, a protagonista da nosa reportaxe de Nadal, vive grazas a Cáritas. Alí, nun dos centros que a entidade ten na Coruña, coñecímola, e alí nos repetiu continuamente o agradecida que lle estaba.
Cáritas é a confederación das entidades caritativas e sociais da Igrexa católica en España. Desde hai 64 anos tenta dignificar a vida daqueles aos que lles foi negada esa oportunidade, así que ademais de informar e sensibilizar a xente, actúa: dá comida e medicación, e axuda a buscar emprego. Na Coruña, os traballadores sociais atenden diariamente a unhas 30 ou 40 persoas, danlles uns vales de compra de alimentos cada quince días e falan con elas. Si, falan con elas, coñecen a súa situación e tentan entendelas para así podelas axudar mellor. En total, no 2010, o labor de Cáritas fixo que 8000 homes e mulleres da Coruña non pasasen fame. Mais, como o conseguiron?
Lorena Santos é unha das traballadoras sociais desta institución na cidade. Non chega aos 30 anos, pero xa coñece de primeira man as miserias cotiás e o lado máis humanitario que se extrae de cada unha delas: "Vivimos de donativos", é dicir, "financiación privada". Efectivamente, Marisa, como tantos outros, vive grazas a Cáritas e Cáritas vive grazas á caridade de individuos que, voluntariamente, fan o seu contributo. Tamén hai unha cuota para os socios, unha campaña especial de nadal e a colaboración de entidades privadas; pero, sobre todo, hai compromiso persoal.
"Persona mayor y religiosa". A traballadora non dubida cando se lle pregunta cal é o perfil do doante. Malia as excepcións, a tendencia é clara: persoa crente e afecta aos valores da Igrexa católica. Onde está o quid? Tal vez no vilipendiada que está esta institución por certos sectores progresistas.
Comentábanos Lorena una anécdota acontecida nunha charla que deu na facultade de Socioloxía. Ela e dous traballadores doutras ONG (Intervida e a Cruz Vermella, creo recordar), falaban do seu labor e dos proxectos que desenvolvían cos máis necesitados. Mentres que as intervencións dos seus compañeiros foron respectadas, a súa xerou todo tipo de comentarios e controversias (cando nolo contou, lembreime das sabotaxes a membros do PP, e tamén do BNG, nas que fun invitada a participar durante a miña etapa universitaria): "A pobreza hai que combatila rachando coa estrutura", seica lle espetaba algún antisistema. "Y mientras no se rompe la estructura, ¿qué? -dicía ela- ¿Se mueren de hambre?".
Habituados como estamos a oír falar do xusto e do inxusto en boca de privilexiados cuxa máxima aportación é pegar carteis e participar en manifestacións, é de resaltar que moitos dos que realmente axudan ao próximo o fan financiando á tan anacrónica e opresiva Igrexa católica.
Quizais por iso a maioría dos pobres piden ás portas das igrexas e non ás portas das sedes dos partidos de esquerda.

P.S: Pasei horas da miña vida pegando carteis e participando en manifestacións. Volveríao facer se o crese axeitado.



jueves, 6 de enero de 2011

O Nadal con Nada

Marisa ten os ollos cansos, murchados pola idade e por unha vida de esforzos. Agora, tamén, polo incertidume: incertidume de non saber se encontrará traballo ao día seguinte; se poderá pagar o aluguer e as facturas do piso; se terá algo que levar á boca. Esta última incerteza resólvese favorablemente grazas á axuda de Cáritas.
Marisa ten 54 anos e leva os últimos tres no paro. Acostumada a traballar de camareira, non deixa desde entón de buscar emprego. "Pero la cosa no está fácil -di-. Nunca pensé que el aspecto físico pudiera importar tanto. Y una cosa lleva a la otra, porque si no tienes trabajo y no tienes dinero, tampoco te puedes arreglar".
Hai agora doce meses, chegou á Coruña coa súa filla pequena, de 19 anos. Como orgullosa nai, quere que estude, que se esforce por conseguir unha bolsa que lle permita ir á universidade, "pero si no se puede, estudiará un ciclo de algo que le guste". Coa pensión alimenticia da rapaza, de 250 euros mensuais, Marisa pode aforrar para pagar a vivenda, cofinanciada pola Xunta; entretanto, agarda a que lle chegue a axuda de emerxencia, que tenta paliar situacións de extrema necesidade. Pero insiste, sobreviven "gracias a Cáritas". A institución benéfica axudounas a atopar piso e deulles os mobles; cada quince días tamén lles dan vales de compra para alimentación.
Nai de catro fillos, tres deles xa emancipados, Marisa vive agora coa súa "pequena", que lle dá as forzas que precisa "para seguir adelante". Pero a pesar disto e da gratitude que profesa aos donantes anónimos que lle permiten comer día a día, a muller non pode ocultar a súa desilusión: "Estoy desencantada de cómo están las cosas en España. Si suben los impuestos, hacen Eres... ¿quién va a solucionar esto? -pregúntase- ¿Y de quién es la culpa? -continúa-, no lo sé, supongo que la llevaremos nosotros, los de la clase media-baja".
Pasadas as festas, que, segundo dixo, había vivir como unha época máis, para este ano pide "trabajo, salud y paz"; e non deixa de mostrar a súa felicidade por que nestas datas haxa alguén "que se acuerde de ti".

P.S: Xavi e máis eu achegámonos o día de Noiteboa a un dos centros de Cáritas na Coruña. Alí coñecimos a Marisa, que estaba agardando pola bolsa alimenticia de Nadal. Amablemente, abriunos as portas da súa casa e contounos a súa historia. Este é un fragmento resumido.

(No enlace, a reportaxe televisada).