miércoles, 15 de septiembre de 2010

O lugar

Teño unha amiga alegre, cariñosa, forte, moi forte, que desde hai tres meses se dedica en corpo e alma a coidar da súa nai. O último ano, antes de volver á terra, pasouno en Barcelona. Alí cambioulle a expresión do rostro: as comisuras dos seus beizos xa non se arqueaban cara arriba como era habitual; os ollos verdes non miraban coa mesma curiosidade e insistencia que amosaban antes, e no seu falar percibíase unha apatía, disimulada polo seu natural optimismo, cara todo aquilo que a rodeaba. Cando a fun visitar, no mes de abril, parecía aburrida e cansa, moi cansa, e manifestábame as súas ganas de volver á terra en canto rematara o curso.
O curso rematou en xuño e a miña amiga tivo que volver, non só polas ganas que tiña, senón porque nesas mesmas datas a nai ingresou no hospital. Así que de Barcelona regresou a Galicia e unha vez aquí instalouse na residencia en Santiago. Alí estiveron as dúas, nai e filla, ata que á primeira lle deron a alta e a segunda marchou con ela para a casa familiar. Os médicos aínda non lles dixeran o que tiña, pero, cando menos, o feito de estaren as dúas xuntas dáballes ánimos para loitar contra o que fose.
Chegaron os resultados e confirmáronse as peores expectativas. Agora só cumpría tirar cara adiante e loitar coa mellor das armas, a única capaz de manternos en pé cando as circunstancias parecen querer derrubarnos: a fortaleza.
Mes e medio máis tarde, unha complicación fíxoas regresar ao hospital. Entón fun visitar a miña amiga. Era un xoves pola tarde, deses nos que Compostela, nos meses de inverno, se enche de estudantes, e nos de verán, de peregrinos. Ía calor, aínda que unha lixeira brisa refrescaba o ambiente. Quedei coa compañeira nunha cafetería, preto da residencia, pero o suficientemente lonxe como para desconectar por unha hora. Alí falamos da vida, dos proxectos, das ilusións... Vina contenta, como era antes de marchar a Barcelona. Pregunteille como se sentía e dixo que, a pesar de todo, estaba ben, porque sabía que estaba a facer o correcto e que, ademais, estaba no lugar no que quería estar, no país que a facía sentir ben e tranquila, e no que lle gustaría desenvolver a súa carreira profesional e a súa vida nun futuro.
En Compostela, en Galicia, no seu fogar (ela non é de Santiago, pero é a cidade que sente como tal), a miña amiga retoma a forza anímica que lle roubou a grande cidade condal, e nela soña e pensa nos moitos proxectos que lle quedan por vivir.
Cando a vida cambia e os soños quedan postergados, á espera de tempos mellores, ou simplemente no baúl das lembranzas, o lugar, a terra, a esencia, permanece para nutrirnos dos ingredientes que nos fan medrar e afortalarnos, como unha árbore rexa e ben arraigada.