Xulio, Ana e Tareixa son tres irmáns de oito, seis e catro anos. Son uns nenos alegres e ben falangueiros que acollen cun alegre sorriso e facendosa actividade a aquel visitante que se achega pola súa casa. Adoitan estar acompañados da súa nai, Raquel, e do seu pai, César, cando este non traballa. A morada é, certamente, un lugar agradable no que un gusta de pasar o tempo descubrindo o mundo. A morada é a súa escola.
Xulio e Ana comezaron o colexio á idade normal de tres anos, pero non conseguiron adaptarse. A rutina, lonxe de fomentar a súa inquedanza natural, paralizábaos, mantíñaos afastados nunha burbulla de coñecementos alleos que lles viñan impostos e polos que, en principio, non amosaban curiosidade. Foi entón cando os pais decidiron educalos eles mesmos, no fogar, e esperar a que se imbuísen dos coñecementos de xeito natural.
Agora, Xulio está aprendendo a ler. As súas irmás pasan o día facendo experimentos, xogando e descubrindo o día a día co seu instinto. Polas tardes fan actividades deportivas e teatro, polo que, lonxe do que se pensa moitas veces, non teñen problemas para se relacionaren con outros nenos; a contrario, non están presionados pola competitividade que se nos fomenta desde pequeniños e que é motivo de lastre de tantas relacións entre crianzas.
En España, a educación na casa non ten recoñecemento legal, pero está admitida. Ata os 15 anos, os nenos poden incorporarse ao sistema tradicional no curso correspondente, e a partir dos 17, examinarse por libre para acceder ao título da ESO ou á formación laboral.
Para máis información:
http://educacionlibre.org/
No hay comentarios:
Publicar un comentario