O pasado 1 de abril, o Goberno aprobou a Real Decreto que obriga a firmar contratos entre os produtores de leite e a industria. Trátase dun pacto entre sectores que establece o prezo do leite que as empresas distribuidoras han de pagar aos produtores en función do coste que a materia teña no mercado internacional. Tamén se estipula no escrito o volume de produto e o calendario de recollida. Non entrará en vigor ata que se publique o novo regulamento comunitario ao respecto, pero as bases xa están sentadas.
O anuncio da obrigatoriedade destes contratos fíxoo a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Rosa Aguilar, no mes de xaneiro. Galicia, como primeira potencia láctea de España, está a sufrir especialmente a crise no sector, así que tan pronto se coñeceu a nova, coubo plantexarse ir ao meollo da cuestión: falar cos gandeiros.
Senén e máis eu achegámonos daquela á granxa de José Manuel Sánchez Areoso, un gandeiro de Trazo que leva unha explotación familiar de 150 cabezas de vacún. No seu día, Pepe rexeitou firmar o contrato que a distribuidora lle ofrecía porque non vía nel unha garantía de que a súa situación fose mellorar. Agora debe firmar "por decreto" un documento que non garante un prezo mínimo para o seu produto. "As industrias seguirán traendo leite de fóra ao prezo que queiran -asegura-, e nós teremos que venderlles o noso porque temos que seguir sacando leite de aquí". Efectivamente, sendo a primeira potencia láctea de España, Galicia é ademais importadora, non só de leite cru, senón tamén de produtos derivados. Por que? A entrada na Unión Europea supuxo para moitos gandeiros galegos o cobro de subvencións que lles permitiron innovar, ampliar as súas explotacións (pechar moitas outras) e adaptar un estrutura económica tradicional ás necesidades da Europa finisecular. Pero trouxo tamén os seus contras: un sistema de cotas que establece para todo o Estado unha produción de 6200 millóns de litros de leite anuais, 3000 menos dos consumidos. Países excedentarios, como Francia, que producen por riba do que consomen, exportan a súa materia a prezos máis baixos e tiran cos de aquí. Se ben isto non é unha novidade, parece a situación se precarizou nos últimos anos, chegando a venderse o litro a menos de trinta céntimos, cando os costes de produción están nuns corenta.
Un par de meses despois, a mediados de marzo, Senén e máis eu tivemos a ocasión de falar con Xaquín López Ares, gandeiro de Mesía e propietario da granxa de vacas máis grande de Galicia (1000 exemplares). Outra volta preguntamos sobre o tema e López Ares amosouse preocupado pola finalización do sistema de cotas, prevista para o 2015. Teme que ao non haber máximos establecidos, as grandes potencias anulen os países con menor produción.
Neste punto cabe salientar outro aspecto no que Galicia sae perxudicada: a subvención á produción que reciben outros países en función da extensión de terreo que teñan as explotacións. Neste senso, apuntaba José Manuel que "hai países en Europa que teñen unha vaca por catro hectáreas. Nós aquí temos catro vacas nunha hectárea". É dicir, que mentres que as reses desoutros países teñen máis pasto do que comer, no que, ademais, se pode cultivar cereal, as vacas galegas precisan de maior cantidade de penso (ao non ter tanto espazo para pacer), e moitas veces ese penso ten que ser importado (ao non haber tanto espazo para o propio cultivo). Se ademais engadimos que as subvencións á produción veñen en parte determinadas polo número de hectáreas que ten unha explotación, botemos contas de que o noso país, tamén aquí sae perdendo.
Como último apunte, dicir que os prezos dos cereais continúan a subir, así que familias de gandeiros como a de José Manuel vense obrigados a destinar máis da metade do que ingresan pola venta do leite ao alimento dos animais.
A crise no sector lácteo galego non é só económica, senón, e o que é máis grave, social. A falta de relevo xeracional e a ausencia de coordenación entre as diferentes partes (por que nunca se creou un grupo lácteo galego? En mente, por certo, do ex conselleiro Suárez Canal) son tal vez a principal eiva dunha actividade que foi, sobre todo, unha forma de vida.
P.S: Senén é o cámara que fai visibles estas reportaxes (eu fágoas audibles e pode que lexibles, pero xa se sabe que unha imaxe...).
2 comentarios:
O que máis mola é ese xiro de muñeca co que botas o pienso...:-) Moi boa a reportaxe, por certo.
Jajaja. Ese é o punto teatral. Graciñas :)
Publicar un comentario